Que é un arboreto?

Un arboreto é un espazo natural protexido no que se desenvolven coleccións de árbores e plantas vasculares cunha lóxica paisaxística e con fins pedagóxicos. Na súa orixe, os arboretos no norte e centro de Europa xogaron un papel crucial na aclimatación de plantas traídas doutros continentes. Hoxe contribúen a preservar especies leñosas en risco de extinción.

Un arboreto non é un xardín xa que prima a conservación nun ambiente próximo ao natural, sen artificios nin ordenamentos florais, preservando o biótopo da zona. Aínda que se introduzan variedades esóxenas, estas deberán pertencer ao mesmo nicho ecolóxico, que no caso do Arboretum de Galicia é o do tipo Atlántico temperado. Un arboreto é un estadio intermedio entre un parque natural e un xardín urbano desde o punto de vista do ordenamento, da facilidade de acceso, da biodiversidade e das súas dimensións.

O termo arboreto significa literalmente en latín 'lugar plantado con árbores', pero o seu significado vai máis alá do concepto inicial e pódese definir hoxe como un parque consagrado ao cultivo experimental, non lucrativo, de árbores e arbustos co obxectivo de estudalos e servir como instrumento pedagóxico.

O Arboretum de Galicia só pretende ser un refuxio que lle ofrece a oportunidade ao visitante de gozar dun paseo nun espazo dedicado á biodiversidade e acceder ao coñecemento de especies leñosas pouco comúns.

 

Un pouco de historia

Os «xardíns de aclimatación»

O termo arboreto utilizouno por vez primeira en 1838 o botánico escocés John Claudius Loudon no seu libro enciclopédico Arboretum et Fruticetum Britannicum, malia o concepto ser coñecido desde había tempo. O primeiro arboreto en ser deseñado e plantado como tal foi o Arboretum Trsteno, cerca de Dubrovnik, en Croacia. Descoñécese a súa data de inicio, pero xa se teñen noticias da súa existencia en 1492.

Os «xardíns de aclimatación» foron un elemento fundamental nos procesos de adaptación e multiplicación de vexetais con interese alimentario, forestal, industrial ou para a xardinería.

Esta especialización na aclimatación evolucionou posteriormente cara aos xardíns botánicos cunha especialización no cultivo de especies esóxenas, en moitos casos tropicais, cunha estrutura de xardín, máis intensa e artificial. Unha gran parte dos parques urbanos en Europa foron no seu día arboretos, os cales, coa expansión das cidades, se transformaron paulatinamente en xardíns e, en paralelo, perdían o seu carácter experimental e, paradoxalmente, a súa vocación pedagóxica. A pesar do valor dalgúns exemplares senlleiros dos nosos xardíns, moi poucas árbores están debidamente etiquetadas e son raros os xardíns que organizan visitas guiadas.

Nos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial renace o interese polos arboretos en Europa, pero non así en España. Nos principais países europeos existen numerosos e magníficos arboretos: máis dun cento por país no Reino Unido, Francia, Holanda, Alemaña ou Bélxica, mentres que en España non chegan á decena. En Galicia existen excelentes xardíns, principalmente en pazos, a maioría situados na zona costeira, e merecen unha maior divulgación e recoñecemento. 

 

NOTA: Un elemento fundamental e diferenciador que caracteriza os arboretos fronte a outras formacións vexetais é o seu carácter pedagóxico: sinalizacións e etiquetaxes exhaustivas son condicións necesarias para a súa consideración como arboreto. 

Clasificación

Tradicionalmente os arboretos clasificábanse en catro categorías:

Arboretos de coleccións xerais

Reúnen un máximo de especies de todo o planeta, xeralmente representadas por un único individuo, polo que se asemellan a un xardín botánico.

Arboretos forestais

Nestes a variedade de especies é moito menor, reúnen exemplares de variedades dun número limitado de especies con vocación forestal. O obxectivo é comparar o comportamento forestal de novas especies ou variedades para a súa futura introdución e produción. O arboreto da estación fitopatolóxica de Galicia é un exemplo coas súas magníficas coleccións de piñeiros e eucaliptos.

Arboretos paisaxísticos

Con coleccións adaptadas ao biótopo do lugar e que valoriza a dimensión paisaxística na elección e na repartición das especies e variedades representadas. Este tipo de arboretos, o máis frecuente na actualidade, reduce ao máximo as actuacións de xardinería e introduce plantas vasculares dun biótopo determinado. Neste modelo intégrase o Arboretum de Galicia.

Arboretos temáticos

Reúnen coleccións de variedades dunha mesma especie co obxectivo de constituír un observatorio e un conservatorio da diversidade desa especie.

Para que serve un arboreto?

Reserva da biodiversidade

As coleccións vivas nun arboreto pódense definir como árbores que medran cun propósito. Os científicos e investigadores poden estudar estas árbores, aprender como medran e entender que se precisa para mantelas seguras e saudables. Ademais, estas coleccións de árbores poden servir como reservas de diversidade xenética.

Centro de observación científica

Un arboreto é unha ferramenta científica que lles permite a botánicos e forestais, entre outros, utilizar este lugar como un laboratorio para a observación e a comparación de plantas de diversas zonas.

Para aprender

Un arboreto ten unha función educativa e acolle un amplo público, desde o especialista ao paseante máis novizo, e ofrécelle a posibilidade de observar, recoñecer e comparar diferentes especies, variedades e cultivos de plantas leñosas.

Para gozar

Un arboreto é un espazo natural aberto aos paseantes que desexan gozar dun lugar libre de contaminación e beneficiarse do marco mítico das árbores e do bosque.

Reflexión final

O Arboretum de Galicia xorde como proxecto privado a finais de 2010, coa compra dun bosque de caducifolios (carballos, castiñeiros e árbores de ribeira) e a adquisición progresiva de novas parcelas veciñas. Foi necesario realizar importantes traballos para eliminar especies esóxenas e invasoras, reconstruír presas, rueiros, camiños rurais, hórreos e muíños.

Un arboreto significa, para o especialista e para o profano, un enriquecemento do bosque conservando na medida do posible a estrutura paisaxística natural. O interese principal dun arboreto é a presentación da diversidade de especies locais de árbores e arbustos, así como de especies de bosques de biótopos similares doutros continentes.

Para o visitante o arboreto representa un lugar de formación. Un arboreto presenta, ademais, un amplo abano de especies diversas e contribúe á conservación e ao coñecemento de especies leñosas en perigo no seu ambiente natural.

Un arboreto permítelle ao profano a posibilidade de familiarizarse con árbores e arbustos descoñecidos. Estes espazos contribúen á diversidade e enriquecen o noso ámbito paisaxístico. Especies leñosas propias no pasado na nosa zona que hoxe están esquecidas, se reduciron ou desapareceron totalmente poden reintegrase no medio deste xeito. A diversidade dendrolóxica en rexións xeográficas similares, en América e en Asia do Suroeste é extraordinariamente maior comparada coa actual en Europa. Unha das razóns deste diferencial de diversidade reside na posibilidade dun retorno das poboacións leñosas despois dunha glaciación. En Europa os macizos montañosos desenvólvense do leste ao oeste e iso impediu ou supuxo que fose moi difícil un regreso de esencias leñosas despois das glaciacións. Un gran número de especies arbóreas que reintroducen hoxe en día os arboretos europeos, como, por exemplo, a sequoia (Sequoiadendron giganteum), a tuia (Thuja plicata), numerosos pradairos (Acer) ou o tulípero (Liriodendron tulipifera), eran comúns nos nosos bosques antes das glaciacións. Non se trata de introducir nos nosos bosques especies exóticas, senón de reimplantar especies que antano eran comúns na nosa zona ou aquelas similares cun obxectivo pedagóxico, nunca produtivista ou expansionista. Os arboretos contribúen así ao coñecemento de especies caídas no esquecemento e ao coñecemento da diversidade de especies propias de biótopos similares.

Malia a progresiva introdución de novas especies e variedades de planta vascular, arbustiva, de gramíneas e herbáceas, búscase preservar o espazo rural e o ordenamento da zona sur da Terra Chá lucense. O proxecto inicial formulouse para dez anos de traballo antes da súa apertura ao público… pero estamos convencidos de que necesitaremos máis tempo. As principais coleccións do Arboretum inclúen especies e variedades de planta vascular do ecosistema atlántico moderado, principalmente caducifolias das familias dos carballos e castiñeiros, das árbores de ribeira galaicas, de pradairos e cerdeiras etc. As coleccións de pradairos, cerdeiras e camelias merecen unha atención particular. Non se trata de introducir especies exóticas nos nosos bosques senón de recuperar especies que antes eran habituais na nosa zona cun obxectivo pedagóxico, non produtivo ou expansionista. O arboreto contribúe así á divulgación de especies esquecidas e ao coñecemento da diversidade botánica existente en biótopos semellantes.

Hemos plantado más de dos mil árboles con una única premisa: que no se note. Crear un paisaje adaptado al medio es el objetivo y de ahí su complejidad.

Un arboreto esixe tempo, polo que o proxecto se formula pensando en futuras xeracións. Só plantando hoxe plántulas novas poderemos soñar con grandes exemplares dentro de varios decenios.

Nisto reside a dificultade e a beleza do proxecto.

gl_ESGL