Historia dun proxecto

O proxecto do Arboretum de Galicia iníciase en setembro de 2010 coa compra dun terreo de oito hectáreas situado no lugar de Reiriz, San Vicente de Pena, Begonte (Lugo).

O terreo conservaba un bosque composto por unha carballeira e un bosque de ribeira relativamente ben conservados dado que a propiedade permaneceu abandonada durante máis de 30 anos. Foi necesario rozar e eliminar eucaliptos e outras árbores. As plantacións iniciáronse en 2011 e, en paralelo, desenvolvéronse traballos de recuperación das estruturas agrícolas tradicionais: camiños, muros de pedra seca, hórreos, muíño, casetas, rueiros, parideiras etc., utilizando sistematicamente técnicas tradicionais e materiais locais. Progresivamente fóronse engadindo as parcelas lindeiras e eliminando as plantacións de eucalipto e recuperando chans con técnicas de fertilizante verde, enterramento, estercado etc., ata acadar as 15 hectáreas actuais en «coto redondo».

Somos dous biólogos galegos que, despois de 45 anos residindo no estranxeiro traballando en Organizacións Internacionais e na Unión Europea, decidimos dedicar o noso esforzo a unha iniciativa de protección dun espazo natural en Galicia con fins educativos. Familiares e amigos uníronse a este proxecto.

  Este proxecto non nace unicamente da vontade da familia que o iniciou, formouse co esforzo de veciños e amigos -Martín, Carlos, Teresa (familia Castro González)-; de Elena López; de profesionais da zona (José Luis López, Canteiros Hermanos Quijada etc.) que achegaron e seguen achegando o seu saber e o seu cariño desinteresado. Moitos loitaron durante anos para rehabilitar o lugar no que traballaron de nenos. O arboreto tamén é seu..

César e Begoña

Un arboreto é un proxecto de varias xeracións…

Despois de 10 anos de traballos e plantacións, as coleccións consolídanse e mantense un programa de novas introducións de taxons de árbores e arbustos. Seguiremos buscando e plantando novos taxons de especies do biótopo atlántico temperado, excluíndo as plantas invasoras. As plantas obtéñense en viveiros e coleccionistas de Bélxica, Os Países Baixos, Francia, O Reino Unido e España. Por motivos fitosanitarios non importamos plantas de fóra da Unión Europea. O arboreto ten como norma o recurso a prácticas de cultivo respectuosas co medio; exclúense totalmente o uso de insecticidas, herbicidas, produtos agroquímicos etc.

Un proxecto como o do arboreto ten un inicio, pero nunca termina. Perseverando, sen abandonar… «NON DEFICERE»

gl_ESGL